A Audiencia xulga un home acusado de abusos sexuais e elaboración de pornografía infantil
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este xoves día 6 de febreiro un xuízo por un delito de abusos sexuais e outro de elaboración de pornografía infantil.
A Fiscalía demanda dezanove anos e dez meses de prisión para un home por abusar sexualmente dunha nena de 14 anos que sufría un atraso madurativo que lle causaba unha discapacidade do 35%, así como pedirlle que lle enviase fotos e vídeos de contido pedófilo.
A maiores, esixe que o home non poida comunicarse ou achegarse á vítima e que se lle vete a realización de calquera traballo, remunerado ou non, que implique contacto con menores. Pide para a nena unha indemnización de 25.000 euros.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 3 de Ponteareas.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos tiveron lugar no verán de 2017, cando a menor, que se atopaba en réxime de acollida, acudiu ao domicilio do acusado, unha persoa relacionada coa súa familia de acollida.