Flexibilizan o horario dos funcionarios municipais para fomentar a corresponsabilidade
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal acordou modificar a instrución que regula a xornada laboral dos seus funcionarios para flexibilizar as súas condicións e contribuír a que todos eles poidan mellorar a corresponsabilidade nos seus respectivos domicilios.
Desta maneira, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, todos os funcionarios terán un horario " obrigatorio e presencial" que irá desde as 9.00 ás 14.30 horas. O resto da xornada, ata as 35 horas semanais, poderán completala 'á carta'.
Deberán cumprila en calquera dos dous tramos, ou entre as 7.00 e as 9.00 horas ou entre as 14.30 e as 20.30 horas, segundo autorizou o departamento de Persoal.
A intención desta modificación, que foi acordada cos sindicatos, é que os traballadores do Concello teñan "certas marxes" para organizar a súa xornada laboral.
Ademais, coa incorporación do novo director xeral de Recursos Humanos, José Manuel González Abal, o goberno municipal avanzou que se analizará a posibilidade de implantar novas modalidades de organización, entre elas o teletraballo para determinados servizos.
"Estamos nese camiño", sinalou Gulías, que subliñou que para que iso sexa posible haberá que buscar "fórmulas alternativas" e realizar un seguimento "exhaustivo" do traballo. Todo iso, engadiu, sen que supoña un "prexuízo" para a atención ao cidadán.