Multitudinaria procesión en honra da Virxe da Candelaria en Campo Lameiro
Por Redacción
Campo Lameiro encheuse de fieis que participaron este domingo na Magna Procesión da Virxe da Candelaria. Era a primeira vez que se celebraba este evento polas rúas do centro do municipio e o párroco Fermín Santiago Iglesias quixo mostrar a súa satisfacción pola presenza de veciños chegados das seis parroquias que el mesmo administra.
Coa posta de sol e á luz das velas, a marcha partiu da Praza do Concello coas imaxes da Virxe da Candelaria, da parroquia de Muimenta; a do Neno Jesús de Castro de Orto, procedente de Couso; e a de San José, chegada desde a parroquia de Campo. Tras completar o percorrido, o cura bendixo a todos os asistentes que o desexaron e repartiu tamén pan bendito.
A xornada pechouse cunha emotiva misa cantada que puxo o broche de ouro ao primeiro evento relixioso deste tipo celebrado na honra da Virxe da Candelaria en Campo Lameiro.