Máis de setenta traballos optan aos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción
Cincuenta e seis traballos na categoría de poesía e dezaoito de xornalismo. Son as propostas recibidas polo Concello de Bueu para concorrer na nova edición dos Premios Johán Carballeira.
O departamento de Cultura conformará agora o xurado que revisará os traballos nas próximas semanas, a fin de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio.
Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías, ademais da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.
Estes premios naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.
Tivo como gañadores na pasada edición a Arancha Nogueira co poemario O silencio das gaivotas (publicado co título Dente de leite) e ao xornalista Aser Álvarez González coa reportaxe Ferrín e a poesía do circo, publicada no xornal Adiante.gal.