A Xunta dará axudas aos colectivos que recollan lixo no mar
Por Redacción
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou este martes que o sector pesqueiro galego e as organizacións non gobernamentais (ONG) con ámbito territorial ou de actuación en Galicia poderán beneficiarse este ano, e por primeira vez, de axudas destinadas a accións de recollida de lixo mariño na comunidade.
Estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), contan cun orzamento de 500.000 euros para os exercicios 2020 e 2021.
A titular de Mar explicou que as actuacións subvencionables, que poden contar con axudas de ata o 100% do investimento, inclúen a recollida no mar de artes de pesca e residuos, a compra e instalación de equipos tanto a bordo como nos portos para a recollida e almacenaxe de lixo mariño ou a creación de sistemas de recollida de residuos.
A estas accións tamén se suman, entre outras, aquelas en materia de comunicación, información e campañas de sensibilización para animar a participar en proxectos para a recollida de artes de pesca perdidas así como a formación dos profesionais do mar neste eido, desde pescadores ata mariscadores e axentes portuarios.
Unha das principais novidades desta liña de axudas é que a frota de artes menores e os mariscadores a pé poderán recibir compensacións pola recollida activa de lixo.