Chamamento á cidadanía a participar na manifestación en defensa da sanidade pública
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra, Juan Manuel Loureiro e o médico Víctor Pedreira, convocaron este mércores os pontevedreses a asistir a manifestación que se vai realizar o domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública galega.
A manifestación ten como obxectivo protestar contra o deterioro da atención primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos hospitais públicos. Sairán autobuses gratuítos ás 10:00 horas do Pavillón Municipal dos Deportes. Para reservar plaza, pódese contactar ata o venres pola tarde a través do correo fcastelao@yahoo.es e chamando aos números 659 685 729 e 616 610 913.
Fernández Lores quixo transmitir o apoio do concello á manifestación e marcou como obxectivo común coa plataforma SOS Sanidade Pública a defensa intrasixente da calidade da asistencia sanitaria pública. Tamén fixo mención a necesidade de manter a sanidade pública, como dereito de tódalas persoas, independentemente da súa capacidade adquisitiva calificándoa como "unha peza fundamental do Estado de Benestar". Criticou os recortes e as deficiencias a nivel hospitalario, a redución de persoal e os retrasos na atención primaria, na que se pode chegar a esperar ata 5 días por unha cita.
Segundo o alcalde, a manifestación trata de demandar ante os responsables políticos que neste momento están ao mando da sanidade pública galega que os cidadáns non van tolerar que se siga permitindo o deterioro deste servizo, e tamén a necesidade de inxectar cartos para que poida subsistir. Referíndose aos mandatarios, o alcalde remarcou que para que haxa cambios só entenden a linguaxe da protesta. Tamén quixo poñer en valor o servizo de sanidade pública, calificándoo como un exemplo para outros países do mundo e que funciona en base a profesionalidade dos traballadores da sanidade.
Os recortes teñen un impacto moi importante nos profesionais da sanidade, que están sobrecargados por unha demanda inabordable, segundo Víctor Pedreira
Pola súa banda, José Manuel Loureiro, salientou o desmantelamento dos hospitais comarcais e a limitación da súa xestión. Por este motivo, cree necesaria a realización da manifestación do domingo na que, segundo as súas palabras, se van aglutinar todas as queixas que se foron acumulando na comunidade galega, poñendo como exemplo o peche do paritorio de Verín e os recortes en pediatría.
O médico e xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), Víctor Pedreira, defendeu o sistema sanitario público, aludindo a características como que é universal, gratuito e de calidade, pero vulnerable por determinadas políticas conservadoras e neoliberais que poden facer que se afaste desas particularidades que o definen. Tamén o tildou de eficiente e eficaz, facendo alusión a que España é o país que menos cartos dedica do Produto Interior Bruto (PIB) con respecto a Europa, obtendo mellores resultados en materia de saúde que o resto de países europeos e exaltou a profesionalidade e esforzo dos sanitarios do noso país.
As políticas do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foron xulgadas por Pedreira, que as etiquetou como un ataque e perigo para o sistema sanitario público. Os recortes teñen un impacto moi importante nos profesionais da sanidade, que están sobrecargados por unha demanda inabordable, con listas de espera moi longas, mesmo na atención primaria. Tamén fixo referencia a privatización do sistema e a chegada de Feijóo ao poder, quen despediu á totalidade las cúpulas directivas, incluíndo a aqueles xerentes que traballaran anteriormente con Fraga porque crían que estaban contaminados e que podían ser colaboracionistas co goberno do PSOE, todo co obxectivo de ter no poder a persoas "dóciles" e que non cuestionaran a política.
Estas decisións por parte do goberno da Xunta, segundo Pedreira, tiveron unha serie de damnificados, que foron a atención primaria e a atención á saúde mental, onde se eliminou o plan de saúde mental que non chegou a executarse e tampouco se volveu crear un novo, deixando a Galicia como única comunidade española sen un plan deste tipo. Para finalizar, criticou a deficiencia de profesionais de saúde mental e a xestión dos hospitais comarcais, que cada vez teñen que depender máis dos centrais.