Barro celebra a I Festa do Cocido
Por Redacción
A Asociación Cultural San Breixo de Barro organiza a I Festa do Cocido, que se vai celebrar o vindeiro sábado día 8, na explanada do Pazo da Crega.
A asociación busca coa organización deste evento, que conta coa colaboración do Concello e o patrocinio de varias empresas, que a veciñanza teñan un motivo máis de confraternidade e que tamén sirva para que veñan a Barro xente de outros concellos da contorna, ademais de recadar fondos para as Festas de San Breixo.
Ese día ademais do xantar que se vai celebrar a partir das 14:30 horas nunha carpa na explanada do Pazo da Crega, cun menú a base de sopa de cocido, cocido, bolo do pote, pan, viños, postre e café, por 18 euros adultos e 10 euros os nenos, tamén está prevista unha andaina que sairá do Pazo ás 9:30 horas da mañán até Barosa, con retorno ao mesmo lugar sobre ás 14:00 horas.
A inscripción para a andaina é de 4 euros.
Durante o día tamén haberá no recinto unha Feira de artesanía e xogos populares pola tarde.