Unha voda de ficción para preparar casamentos reais
Por Manu Otero
Unha voda á que todo o mundo está convidado. Sen necesidade de gastar na vestimenta nin no agasallo para os noivos. Non é mal plan para un domingo. Nas instalacións de Bodegas Vionta, en Meaño, celébrase a segunda edición do showroom nupcial Llévame de la mano, un evento pensado para que futuros matrimonios saquen ideas e fagan contactos para preparar a súa ligazón.
Non se trata dun salón de vodas ao uso no que cada empresa ofrece os seus servizos na súa caseta, consiste máis ben nunha exhibición, un simulacro. Esta iniciativa desenvolvida por unha fotógrafa, Nuria Atanes; e unha deseñadora de complementos para vodas, María Meirás; ten como obxectivo dar a coñecer aos asistentes os servizos que ofrecen as empresas asociadas a esta plataforma. Unha ducia de firmas expoñerá a súa saber facer. Hostalería, fotografía, florerías, moda... "Sen duplicidades, porque buscamos a complementariedade, non a competencia", afirman as promotoras.
O programa do evento inclúe apertura de portas ás 11.30 horas, celebración da cerimonia civil ás 13.30 horas con sesión vermú e aperitivos para os asistentes e actividades infantís a partir das 17.30 horas.
O acceso é gratuito e, por se houbesen poucos alicientes, entre as participantes estará a ilustre meañesa Marta Argunde, flamante gañadora do premio Imaxe de body painting, unha tarefa que substituirá o domingo pola maquillaxe e a perruquería para os contraíntes.