O parque forestal da Tomba estará acondicionado en decembro
Por Alejandro Espiño
Non será ata final de ano cando os pontevedreses poidamos gozar do parque forestal da Tomba, en Campañó. Ata ese momento estenderanse os traballos para acondicionar as 82 hectáreas que terá este espazo de lecer, cedido pola comunidade de montes.
"É un luxo. É unha das actuacións das que me sinto máis satisfeito", recoñeceu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que visitou os terreos do futuro parque forestal acompañado polo edil de Montes, Alberto Oubiña, e o presidente dos comuneiros, José María Domínguez.
O proxecto, que está a executar a empresa Elsamex por uns 372.000 euros, comezou cun labor de eliminación de especies invasoras, nomeadamente acacias e eucaliptos, que é o que se está acometendo neste momento.
Estas tarefas de eliminación de especies invasoras se están realizando a través "de medidas físicas", sen utilizar ningún tipo de produto químico, o que complica e encarece a actuación "pero é moito máis respectuoso co medio", segundo destacou o alcalde.
A actuación contempla manter as árbores que existen e a plantación de 25.000 novos exemplares de diversas especies, maioritariamente castiñeiros e carballos.
Inclúe ademais unha plantación de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo, totalmente ecolóxico e a partir de clons de especies de oliveira autóctona galega.
Tamén se acondicionarán 17 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, haberá varios miradoiros desde os que se poderá contemplar a cidade de Pontevedra e toda a ría e terá áreas de lecer e convivencia, entre outros detalles.
Fernández Lores asegurou que está é unha "actuación ambiciosa", que enmarcou na necesidade de preservar o patrimonio natural e de dotar á veciñanza de espazos acondicionados para o lecer e o goce da biodiversidade.
Relacionadas:
-
Comeza a replantación do parque da Tomba con 25.000 novos exemplares de árbores
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de creación do segundo parque forestal de Pontevedra: A Tomba
Por Redacción |
-
Nove propostas para acondicionar o novo parque forestal da Tomba
Por Redacción |
-
Os traballos para acondicionar o parque forestal da Tomba durarán ata 2020
Por Alejandro Espiño |