O alcalde de Cuntis pide unha gardería e unha residencia de maiores á Xunta nun acto oficial no centro de día
Por Redacción
Despois de varios anos parado e catro meses despois da súa entrada en servizo, o centro de día de Cuntis recibiu este mércores a visita oficial da conselleira de Política Social, Fabiola García; o alcalde do municipio, Manuel Campos; e varios membros do goberno local e autonómico. Despois de percorrer as instalacións e charlar con varios dos vinte usuarios do centro, a conselleira destacou a boa acollida e funcionamento dun equipamento moi demandado e que supuxo o investimento dun millón de euros, ademais de 150.000 achegados pola adminsitración local.
O rexedor socialista, despois de agradecer a visita da mandataria, aproveitou para facerlle chegar outras necesidades do municipio no ámbito dos servizos sociais. Un dos alicerces do executivo cuntiense pasa por conseguir a construción, durante este mandato, dunha escola infatil pública, así como unha residencia de maiores. Ambas as instalacións son necesarias para loitar contra o descenso demográfico e a concicliación da vida familiar e laboral, argumentou Campos.
A conselleira, que lembrou que en Cuntis atenden a 130 persoas dependentes, tomou nota das peticións do Concello. E Campos, pola súa banda, comunicoulle a súa disposición para ceder os terreos necesarios para construír ambas as instalacións.