O centro de día que haberá na Casa do Mar de Marín abrirá en 2021
Por Redacción
Se as condicións así o permiten, o próximo ano abrirá as súas portas o centro de día que o Concello de Marín, coa achega económica da Xunta de Galicia, abrirá no primeiro andar da Casa do Mar do municipio.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta tarde as instalacións do futuro servizo neste municipio pontevedrés e avanzou que o goberno galego destinará 200.000 euros para os traballos de acondicionamento do local.
Será o goberno municipal quen execute as obras de acondicionamento. As actuacións previstas inclúen dotar ao centro dunha ampla sala de usos múltiples, así como doutras dependencias como un espazo de rehabilitación, outro para o lecer, cociña e lavandería.
O custe total da adecuación do inmoble actual como centro de día ascenderá a 300.000 euros.
O Concello prevé que a redacción do proxecto de remodelación estea rematado nas próximas semanas para poder comezar o antes posible coas obras.
O novo servizo sumarase á escola infantil que hai no baixo do edificio e ao centro sociocomunitario e á residencia de maiores, todos de carácter autonómico, que están no edificio contiguo á Casa do Mar.
Esta colaboración para o centro de día formalizarase coa sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello de Marín nas vindeiras semanas.
Relacionadas:
-
Asinado o acordo entre Xunta e Concello de Marín para habilitar un centro de día na Casa do Mar
Por Redacción |
-
Marín avanza no proxecto para converter a primeira planta da Casa do Mar nun centro de día
Por Redacción |
-
O vello centro de saúde da Casa do Mar de Marín albergará un centro sociosanitario
Por Redacción |