Unha senda peonil de dous quilómetros unirá os lugares de Cuñas e Parada
Por Redacción
Preto de 230.000 euros. É o orzamento que baralla a Deputación de Pontevedra para habilitar unha senda peonil de dous quilómetros que unirá os lugares de Cuñas e Parada.
En concreto, a actuación desenvolverase dende a rotonda de Cuñas ata o Cruceiro de Parada (EP-0206), segundo destacou este mércores o Concello de Ponte Caldelas.
O obxectivo é crear un espazo de circulación para os peóns, bicicletas e persoas con mobilidade reducida na marxe dereita do viario, de maneira que aproveitando o actual sobreancho do que dispón a vía se cree unha senda de formigón colorado que terá, como mínimo, 2,5 metros de ancho.
A actuación inclúe tamén unha importante mellora na parte central do lugar de Parada, pois no estreitamento da estrada que existe no centro do núcleo crearase unha plataforma única sobreelevada que permitirá a coexistencia de tráfico rodado e peonil nunhas condicións de seguridade máis axeitadas ás actuais.
As obras van permitir tamén mellorar a iluminación no tramo interurbano. Deste xeito, incrementaranse o número de puntos de luz existentes con farois cada 50 metros.
Tamén se vai instalar unha tubaxe de evacuación das augas pluviais que caen na estrada e contémplase a colocación de arquetas de rexistro e igualmente mellorarase o firme en zonas con danos e volverá a pintarse a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.
Relacionadas:
-
Luz verde da Deputación á construción da senda peonil en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Sae a licitación as obras da senda peonil de Parada
Por Redacción |
-
Humanizar a Avenida de Galicia e a estrada do Balneario son os grandes proxectos de Ponte Caldelas para o 2020
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas arromba a contorna da capela de San Vicente de Parada
Por Redacción |