A redacción de PontevedraViva e o estudo de PontevedraViva Radio recibían esta semana a visita de alumnos de quinto curso de Primaria do CEIP Froebel desta capital. Unha actividade do centro educativo para complementar os contidos que están a aprender sobre os medios de comunicación.
Neste caso tiveron ocasión de ver e saber como funciona a redacción dun xornal, en que consiste a profesión xornalística, a diversidade de profesionais relacionados coa comunicación ou as particularidades dun xornal dixital. Durante a súa estancia tamén comprobaron que é a radio, unha emisora online, o streaming ou o podcast. Eles mesmos actuaron de improvisados opinadores, xornalistas e entrevistados como pode comprobarse no podcast das Conversas na Ferrería.