O Concello de Bueu busca persoal técnico administrativo
Por Redacción
O Concello de Bueu ten previsto contratar un técnico ou técnica de administración xeral para reforzar os departamentos de urbanismo e secretaría. Este xoves publicáronse as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles a partir do momento en que salga publicada no Diario Oficial de Galicia (DOGA).
Desde o goberno local de Bueu indícase que con esta contratación se queren axilizar os trámites xurídicos e de apoio técnico. A persoa seleccionada realizará informes xurídicos, propostas de resolución de expedientes, revisión e nova elaboración de impresos e formularios, preparación de modelos de documentos normalizados, asesoramento legal, entre outras funcións.
As solicitudes terán que presentarse preferentemente de forma electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica do Concello. Como segunda opción, poderase presentar de maneira presencial en calquera dos rexistros establecidos na normativa.
As persoas que opten a este posto deberán superar tres exercicios. O primeiro será unha proba teórica de 50 preguntas tipo test, e un cuestionario de cinco preguntas sobre as materias do programa que deberán ser lido ante o tribunal. A segunda proba consistirá na resolución de supostos prácticos e, por último, realizarase unha proba sobre coñecemento da lingua galega. Será necesario traducir un texto en castelán ou en galego. As persoas que conten co Celga IV ou equivalentes estarán exentas desta proba.