Reclaman a Portos de Galicia que cumpla os seus compromisos con Covelo e Raxó
Por Redacción
A tenente de alcalde, Chelo Besada; a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, e o responsable local de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, mantiveron un encontro este mércores con representantes dos colectivos que forman parte da Comisión de Seguemento dos Peiraos de Raxó e Covelo (Samieira).
Tratouse dunha reunión que foi convocada para dar conta dos detalles da reunión mantida o pasado mes de xaneiro coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, para abodar a situación deste proxecto.
Os integrantes do tripartito explicaron aos aos asistentes que, tal e como recoñeceu a propia responsable do departamento dependente da Xunta de Galicia, a día de hoxe a Administración autonómica non conta cun orzamento específico para desenvolver as obras que permanecen pendentes de execución en ambos peiraos.
Neste sentido, dirixentes e colectivos deixaron claro que reclamarán que se completen de xeito integral os traballos que figuran no convenio que o Concello de Poio e Portos firmaron no ano 2009, por valor de máis de catro millón de euros.
Tras once anos agardando pola súa realización, as asociacións locais que integran a comisión non van renunciar ao cumprimento do acordo, toda vez que se trata dunha actuación moi necesaria para o desenvolvemento destas contornas, tanto a nivel social como laboral, económico e turístico.
Na reunión tamén se informou do compromiso de Susana Lenguas de estudar os detalles do proxecto, o que tipo coñecemento a raíz da solicitude de reunión que se lle fixo desde o Concello no pasado mes de xullo, e de visitar as instalacións nunha data aínda por concretar.
Neste sentido, os asistentes acordaron solicitar á presidenta de Portos que no prazo de 15 días naturais confirme a data da visita, para facilitar a asistencia dos colectivos de Raxó e Samieira e que os seus integrantes poidan transmitirlle a necesidade de executar as obras. Se transcorrido ese período non se recibe resposta, a Comisión de Seguemento apostará por impulsar unha campaña informativa, co obxectivo de dar a coñecer á veciñanza da vila a situación dos dous peiraos e o grao de incumprimento respecto á aplicación do convenio.
Na actualidade, as únicas obras que se acometeron foron a dotación dunha pasarela de madeira en Raxó e a rehabilitación da ponte de Covelo. Ambas actuacións non cumpren nin o 10% do contido acordado.
Relacionadas:
-
Portos de Galicia e o Concello abren unha vía de colaboración para remodelar os portos de Raxó e Covelo
Por Oskar Viéitez |
-
Esquece poñer o freo de man e o seu coche precipítase á praia
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello convoca á comisión de seguemento dos peiraos de Raxó e Covelo tras a reunión con Portos
Por Redacción |
-
Portos de Galicia buscará "fórmulas" para mellorar os peiraos de Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Lembran á Xunta a "importancia capital" da realización dos proxectos dos peiraos de Raxó e Covelo
Por Redacción |