Susto no edificio da Xunta en Campolongo por un conato de incendio na planta 10
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Os bombeiros de Pontevedra tiveron que acudir pouco antes das tres da tarde deste xoves ao edificio administrativo da Xunta de Galicia no barrio de Campolongo #ante unha alerta por un posible incendio no último piso. Finalmente, comprobouse que todo quedou nun conato que apagaron os propios traballadores que están a realizar tarefas de mantemento no lugar.
O conato de incendio rexistrouse na planta 10 do edificio, nunha zona na que están a facer labores de mantemento. Por motivos que non transcenderon, saltou unha faísca e prendeu nun illamento, pero xa os propios traballadores de mantemento o apagaron.
A pesar de que o lume xa estaba sufocado, alertaron aos bombeiros por precaución e para revisar o edificio. Desprazáronse dúas dotacións e, á súa chegada, segundo indicaron os propios bombeiros, comprobaron que todo estaba controlado e realizaron unhas últimas comprobacións no illante da fachada para verificar que non había perigo.
Segundo a información facilitada desde a Xunta de Galicia e os bombeiros, non foi necesario desaloxar o edificio, aínda que algúns traballadores saíron por decisión propia ante a chegada dos bombeiros.
Ante a alarma xerada, e a modo preventivo, tamén se desprazaron ata o edificio da rúa María Victoria Moreno axentes da Policía Local de Pontevedra.