Non é Timón, é Simón; non vive na selva, vive en Marín
Por Manu Otero
Con permiso dos gatos, é un dos animais máis carismáticos das redes sociais. Esa forma de levantarse sobre dúas patas para vixiar os seus arredores é inconfudible. Pero non fai falta poñer La 2 á hora da sesta para velos, un paseo por Ardán pode bastar para atoparse cunha simpática suricata. Simón leva catro meses vivindo nesta parroquia marinense, desde que foi adoptado por Andrea Villegas. "Convivir cunha suricata é xenial, pódeche sorprender en calquera momento con cualuquer cousa. Encántame cando se pon de pé en alerta e a tomar o sol", sostén a súa propietaria, unha auténtica namorada desta especie cuxa cría en catividade e venda está autorizada en España.
Desde que chegou ao seu novo fogar procedente dun criadeiro do Porriño, Simón converteuse en todo un apaixonado das camiñadas polos carreiros de Ardán. A súa dona sácao de paseo todos os días e moito máis en xornadas asolladas como as desta semana. "Tomar o sol é o que máis lle gusta, ademais necesítao para a súa saúde", puntualiza Villegas, sempre atenta ás necesidades dun dos seus seres máis queridos.
Pero este novo suricata macho non só necesita luz solar para ser feliz. O seu apetito tamén é voraz. "Aliméntase de vermes, grilos, saltamontes ou cascudas", detalla a súa ama, quen inviste uns 20 euros semanais en mercar comida. Con todo, a primeira vez que se enfrontou a un destes duros insectos non sabía moi ben como reaccionar. "Dáballe coa pata para ver se así deixaba de moverse, pero agora xa as devora", lembra entre risas. Ademais de insectos, a froita é outro dos seus manxares preferidos.
Aínda que para saír á rúa vai atado por un arnés e unha correa, en casa xa se comporta como un membro máis da familia. "Dorme solto pola habitación, pero tombarse preto do radiador é o seu sitio favorito", recoñece Andrea. Os primeiros días no seu novo fogar mostrouse moi tímido e cauto, pero agora o seu comportamento "non se diferencia moito do dun gato ou un can, el só quere ver xente e que lle fagan festa", explica Villegas, de feito Simón leva especialmente ben cos dous cans da casa.
A chegada deste suricata á vida de Andrea non foi un capricho. "Levaba muchisimos anos querendo un", recoñece a propietaria. Pero antes de adoptar a Simón foi vítima dunha fraude por Internet. "Comprei un a través dun anuncio de Milanuncios, paguei 800 euros pero nunca o recibín. Foi un timo", recoñece advertindo a outras persoas dos coidados que deben ter para non caer neste tipo de trampas.
Tamén é consciente das críticas que recibirá por ter este animal, cuxa especie é orixinaria do deserto de Namib no sur de África, como mascota. "Este animal naceu en catividade, cando o collín non sabía nin comer por el mesmo, non sobreviviría en liberdade", argumenta. Con todo, matiza que só está de acordo coa tenencia de animais de especies foráneas "sempre que nazan en catividade, teñan os coidados necesarios e os donos fáganse cargo deles".
E a Simón non lle falta de nada en Ardán. Ademais de gozar de camiñadas diarias, deliciosos manxares e unha divertida compañía perruna, este suricata está tamén controlado por un veterinario: "ten chip e vacúas", matiza.
Xa é toda unha celebridade este pequeno suricata na veciñanza. "Todos os veciños veñen preguntar que é, todo o mundo ten de referencia a Timón, do Rey Leon, entoces pensan que é enorme e en verdade é pequeniño", relata Villegas, a inseparable compañeira do rei de Ardán.