Os comuneiros de Cobres demandan do concello a licenza de obra para a rehabilitación da Reitoral
Por Redacción
O presidente dos comuneiros de Santa Cristina de Cobres, César Blanco informou da decisión da comunidade de montes de demandar do Concello de Vilaboa a licenza de obra para a rehabilitación da Reitoral.
Os comuneiros levan agardando por esta licenza dende agosto de 2015, unha vez que xa se lograran as autorizacións de Patrimonio e Fomento por estar afectada pola autoestrada AP9. Respondéronse aos requirimentos feitos en prazo, o último a comezos de 2019 para asinar as cesións públicas, máis desde entón non se teñen noticias do asunto.
Unha vez constituído o novo goberno saído das eleccións locais de maio de 2019, nunha xuntanza celebrada avanzárase que a concesión da licenza non se demoraría moito, "máis comprobamos que os actos non se corresponden coas palabras", sinala César Blanco.
Os veciños mostraron o seu malestar con esta tardanza, pois unha vez que se fixo un importante esforzo económico na compra, agora non se pode completar coa restauración "debido a desidia do goberno municipal".
A Xunta Reitora reservou nos orzamentos deste ano 2020 unha partida de preto de cincuenta mil euros para acometer unha primeira fase dos traballos consistentes no tratamentos dos muros de cantería e a construción da cuberta par impedir que a auga continúe a aumentar o seu deterioro. A cheminea da lareira corre un importante risco de derrube.
Cabe destacar que esta construción cunha antigüidade de arredor de catrocentos anos e a construción máis antiga da parroquia e principal herdanza da arquitectura civil.
Relacionadas:
-
Abre o prazo para optar á rehabilitación da vella reitoral de Cobres
Por Redacción |
-
Os comuneiros escollen proxecto para converter a reitoral de Santa Cristina de Cobres nun viveiro de empresas
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan un concurso de ideas para rehabilitar a antiga Reitoral de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción |