A Deputación financia a contratación de 217 persoas noutros trece concellos da provincia
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a terceira concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego, cunha achega de algo máis de 2 millóns de euros para trece concellos da provincia.
A presidenta provincial, Carmela Silva, informou en rolda de prensa que esta consignación permitirá aos concellos de Caldas de Reis, A Guarda, A Illa de Arousa, Meaño, Moaña, Mondariz Balneario, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, O Rosal, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa contratar un total de 217 traballadores municipais.
"Hai moitos servizos en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que poden ser prestados grazas a que a Deputación de Pontevedra pon estes recursos a súa disposición", destacou Silva.
As persoas contratadas dedicaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais e son os propios concellos os que solicitan os postos a cubrir a través destas subvencións.