A celebración en Marín do 8M dedicado ás coidadoras buscará a unidade social
Por Redacción
A muller e o coidado serán protagonistas do 8 M de Marín e desde o Centro de Información á Muller (CIM) traballan na organización de actos que ofrezan unha perspectiva de unidade en relación coas reivindicacións das mulleres.
Nos actos buscarase a reivindicación de coidados desde diversos puntos de vista, tanto desde o ámbito familar como naqueles casos de mulleres que concilian a súa traxectoria profesional cos coidados na vivenda.
Entre as actividades previstas, para visibilizar o traballo que realizan as mulleres que forman parte da Asociación contra o Cancro de Marín e coa intención de recadar fondos para este colectivo levará a cabo unha Andaina Roteiro Montes e Praias, de 15 quilómetros, durante o 8 de marzo. A intención desde o CIM é que finalice ás 12.00 horas desa xornada para que as persoas participantes poidan formar parte do acto institucional que comezará ás 13.00 horas.
Ese acto central levará a cabo na Praza 8 de Marzo, agás en caso de choiva que se trasladaría ao edificio do Concello. Durante o evento lerase a declaración institucional, con achegas do Consello Municipal da Muller. O escrito centrarase na necesidade de que a igualdade de xénero estea presente na repartición das tarefas de coidado.
Unha muller coidadora de Marín será a encargada de ler esta declaración e, a continuación, varias mulleres que son coidadoras en diversos ámbitos achegarán a súa experiencia en primeira persoa para concienciar á cidadanía sobre a importancia do seu labor.
A proposta contempla tamén unha homenaxe ás mulleres galegas que transmiten costumes de xeración en xeración aplicando coidados á terra, ao medio ambiente e ás tradicións. Neste sentido, farase referencia á tradición do "bolo do pote", unha forma de cocer o pan no caldo que en Marín se quere trasladar ata a xente máis nova, tal e como promove actualmente a agrupación Pousos da Area.
Para ofrecer ás persoas asistentes ao acto datos e exemplos do "bolo do pote" instalarase o 8M na carpa da Alameda un posto no que se comprobará a elaboración e poderase degustar este produto.
Tamén, desde o CIM está a organizarse a programación de actuacións de Teatro Espontáneo para o alumnado de ESO, Bacharelato e ciclos formativos, con pezas nas que se trate a temática feminista e a importancia do traballo que realizan as mulleres coidadoras.
Relacionadas:
-
O Consello Municipal da Muller comeza a deseñar as actividades para o 8M
Por Redacción |
-
Marín prepara a declaración do 8M como homenaxe ás mulleres en primeira liña da pandemia
Por Redacción |
-
Galegas 8M amosa o seu malestar con PSOE e PP por poñer "atrancos" ás manifestacións feministas de Pontevedra e Marín
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Unha viñeta de Luis Davila pide "coidadiño" no 8M de Marín para fomentar a corresponsabilidade
Por Redacción |
-
Coidadoras, as mulleres que Marín homenaxeará o 8M
Por Redacción |