Restricións de tráfico en Eduardo Pondal e Otero Pedrayo polas obras para construír 'lombos'
Por Redacción
As actuacións iniciadas días atrás pola concellaría de Obras Urbanas para a instalación de seis pasos sobreelevados nas rúas Eduardo Pondal e Ramón Otero Pedrayo provocarán durante os próximos días restricións de circulación nas dúas rúas afectadas. Será en Eduardo Pondal o martes 11 e o mércores 12 de febreiro e en Otero Pedrayo o xoves 13.
Durante o martes e o mércores, as obras centraranse na humanización na rúa Eduardo Pondal no treito comprendido entre as rúas 12 de novembro e rúa da Estación, no que se vai implementar tres lombos en pasos de peóns xa existentes.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Pontevedra, a execución da obra implicará o peche dun carril de circulación nese treito de Eduardo Pondal, dando paso alternativo polo carril dispoñible.
Durante eses días tamén haberá unha restrición no xiro na glorieta de Vialia para os vehículos que circulan dende Eduardo Pondal en sentido á rúa da Estación. Os horarios de traballo serán de 09.00 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.30 horas.
Unha vez rematadas esas actuacións, ao día seguinte, o xoves 13 de febreiro, vaise realizar a mesma operación na rúa Otero Pedrayo, á altura do Albergue de Peregrinos, co mesmo horario de traballo e operativa.
OBRAS EN ECHEGARAI
Por outra banda, a Policía Local lembra que as obras da rúa Echegarai entran na súa fase final, de modo que se fai necesario pechar a rúa á circulación de vehículos no horario de traballo. O peche da rúa está previsto para as 9:00 horas do vindeiro luns 10 de febreiro e finalizará o venres 14.
O horario de peche diario será continuado entre as 9.00 e as 19.30 horas, quedando posteriormente aberta a rúa ata a seguinte xornada laboral.
A Policía local instalará sinalización circunstancial para advertir e guiar os condutores.