A Xunta anuncia un investimento de 200.000 euros para un centro de día na Lama
Por Redacción
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este sábado que a Xunta de Galicia achegará 200.000 euros a construción do primeiro centro de día do Concello da Lama. A construción e xestión posterior do centro será municipal.
Fabiola García aproveitou unha visita ao municipio pontevedrés na que estivo acompañada do alcalde, Jorge Canda Martínez, para facer o anuncio e dar a coñecer que nas vindeiras semanas se asinará un convenio entre a Xunta e o Concello da Lama no que se incluirá esa achega económica.
O Concello ten elaborado o proxecto para este centro de día que incluirá tamén un espazo dedicado a fogar residencial ou vivenda comunitaria e no que se estima o custo da construción en aproximadamente 520.000 euros.
O centro terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados e incluirá dous espazos, un destinado ao centro de día e outro á parte residencial. No de atención diúrna incluirase un comedor, unha sala polivalente, cociña e outros espazos necesarios para o funcionamento do centro. No que se refire a zona destinada a fogar residencial, dotarase de catro habitacións con baño incorporado. A previsión é que o centro de día conte con 16 prazas.