A perla que acabará en voda
Por Natalia Puga
Unha parella senta a cear nun restaurante, pide ostras e, mentres as toman, nunha aparece unha perla. Aproveitando a conxuntura, e sen dúbida inspirado polo extraordinario do achado, o home pídelle matrimonio á muller. A escena ben podería forma parte dunha comedia romántica de Holliwood e, con todo, é real e viviuse en Pontevedra.
Ocorreu no restaurante O Bioco da rúa Manuel Quiroga de Pontevedra na noite deste venres e os seus propietarios, Mónica e Juan, comparten a historia emocionados. Co permiso dos dous mozos protagonistas, relatan este tan pouco habitual achado no interior dunha ostra crassostrea angulata.
Para facerse unha idea do extraordinario deste achado basta comentar que neste restaurante, dos poucos de Pontevedra que serven ostras, levan abertas unhas 47.000 ostras desta mesma especie, todas de banco natural e calidade excepcional traídas da Ría do Barqueiro, e só atoparon dúas perlas, a primeira no verán de 2016 e outra este venres.
Ademais, puxéronse en contacto coa confraría do Barqueiro para contarllo e as mariscadores fixéronlles saber que non coñecían ningún outro caso e que "estas ostras non son moi dadas a producir este tipo de fenómenos".
Segundo o relato de Juan Castiñeira, a perla mide 0,8 centímetros, ten forma de bágoa e a parella que a atopou ten intención de levala a un xoieiro e inmortalizar tan estraño achado en forma de xoia para que forme parte do legado familiar.
A parella non é natural de Pontevedra, pero Juan e Mónica coñécenos porque adoitan ir ao restaurante con frecuencia a tomar boletus ou marisco da ría. Este venres, pediron seis ostras medianas duns 120 ou 180 gramos cada unha e sorprendéronse mentres as tomaban porque atoparon o que lles pareceu nun primeiro momento "un corpo estraño".
A súa primeira reacción foi chamar á propietaria, que na primeira ollada confundiu a perla cun dente. En canto se deu conta do que realmente tiña na man, avisou ao seu marido e trasladoullo á parella que xa se converteu en propietaria da xoia.
"O mozo aproveitou para pedirlle a man á moza", conclúe Juan.