Unha persoa falecida e outra hospitalizada tras caer á auga desde unha embarcación entre Sálvora e Ons
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardacostas de Galicia rescatou na mañá deste domingo a dúas persoas que caeron á auga desde unha embarcación cando navegaban nunha zona situada entre as illas de Sálvora e Ons. Unha delas faleceu pouco despois tras ser trasladada ao hospital.
O centro de salvamento Finisterre de Salvamento Marítimo recibiu un sinal de socorro dunha embarcación pola presenza dunha persoa na auga e mobilizou ao Pesca I e ao pesqueiro Chuvasco Tres Gracias, que estaba na zona.
O helicóptero rescatou ás dúas persoas que estaban na auga e trasladounas ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo mentres que o pesqueiro levou a terra a unha terceira persoa que se atopaba na embarcación cos dous tripulantes que caeron á auga.
Unha das persoas foi trasladada en estado grave e faleceu pouco despois, segundo confirmaron fontes da Garda Civil. O outro rescatado presenta síntomas de hiotermia leve.
Os dous viaxaban como triputantes no pesqueiro Tucan Dous, con porto base no Grove.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o primeiro aviso produciuse sobre as 11.15 horas e, ante a situación de perigo, mobilizouse tamén aos servizos sanitarios de urxencia e axentes da Garda Civil e da Policía Local.
A nosa colaboración hoxe no rescate dos dous tripulantes do pesqueiro de O Grove ‘Tucan II' entre Sálvora/Ons, non foi suficiente. Desde Gardacostas de Galicia queremos expresar o noso máis sentido pésame á familia do mariñeiro que faleceu no accidente. Todos estamos de loito. pic.twitter.com/0Y6NT9hPOV
— Gardacostas Galicia (@GardacostasGal) February 9, 2020