Guerra ás fochancas que se xeraron no rural polas choivas dos últimos meses
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciou o pasado xoves os traballos para acabar coas fochancas nos viais do rural máis deteriorados polas continuas chuvias dos pasados meses.
A intervención comezou en Lérez, nas rúas da Gándara e da Santiña, e continuará durante 10 días máis para subsanar os problemas máis graves e urxentes, toda vez que as condicións metereolóxicas xa permiten realizar este tipo de traballos.
A Concellaría de Coordinación do Rural realizou un traballo de recollida das necesidades na rede viaria das parroquias de cara a determinar os puntos nos que se acometerán os bacheos.
A intervención, que conta cun orzamento de 47.472,05 euros, está sendo realizada pola empresa E.C. Casas e suporá o emprego de 232 toneladas de asfalto.
O concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, explicou que se habilitou un contrato para actuar nas zonas en peores condicións por causa das chuvias, pois era unha cuestión necesaria e urxente e enmarcou a actuación no obxectivo de acadar a excelencia no mantemento dos espazos urbanos e rurais procurando atender as necesidades da veciñanza no menor tempo posible.
Esta actuación realízase de xeito puntual e atendendo a unha situación derivada dun rexistro de precipitacións inusual, e en espera de activar o contrato de sostemento de espazos rurais, dotado con máis dun millón de euros e que está en tramitación.