"Dor e rabia" en Pontevedra pola segunda vítima mortal da violencia machista do ano en Galicia
Por Natalia Puga
Un minuto de silencio ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra lembrou este luns a Clara, a muller de 49 anos asasinada durante a fin de semana en Lugo no que é o segundo crime machista do ano en Galicia, o décimo de España. Entre os asistentes, estaban representantes de todos os partidos políticos con representación en Pontevedra (PSOE, BNG, PP e Cidadáns), funcionarios de distintas administracións, membros das Forzas de Seguridade e cidadáns anónimos que, coa súa presenza, quixeron mostrar o seu rexeitamento á violencia de xénero.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu o acto e, ao seu termo, quixo manifestar as súas "dor e rabia" por este último crime e, en xeral, pola violencia machista, que xa puxo fin á vida de 10 mulleres en 40 días do ano 2020, isto é, cada catro días unha muller en España é vítima de violencia de xénero, unha cifra que, ao seu xuízo, debe facer reflexionar.
Maica Larriba mostrouse convencida de que todos os presentes neste minuto de silencio están concienciados e teñen claro que hai que loitar contra esta lacra que algúns partidos "lamentablemente néganse a recoñecer que existe". Ademais, fixo unha chamada á unidade nesta loita, pois cre que a solución chegará a través da unidade, a solidariedade e que toda a sociedade reme na mesma dirección.
"As mulleres teñen que saber que non están soas", terminou a subdelegada, unha expresión que tamén repetiu este luns o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores cre que xa non quedan palabras para referirse a esta situación e que "desgraciadamente" haberá que seguir moitos anos máis loitando contra a violencia de xénero, sempre "sen dar un paso atrás defendendo o dereito á vida" e plantando cara ao patriarcado que leva anos asentado na educación, as familias e a sociedade en xeral.
En todo caso, o alcalde mostrouse convencido de que, aínda que fagan falta moitos anos de loita, se non se dá ningún paso atrás, conseguirase erradicar a violencia machista. Nesta loita quixo apoiar ao movemento feminista, que é o que está "a dar a cara" para poñer sobre a mesa esa violencia machista e patriarcal.
A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, referiuse tamén este luns á violencia machista e, a risco de que as declaracións de condena soen vagas e repetitivas, como muller, e en nome do Executivo pontevedrés, sinalou que resulta "frustante" que se cometera este novo asasinato machista. En xeral, segundo manifestou, o sentimento xeneralizado do goberno local é "de carraxe e raiba".
Na súa opinión, estas cifras demostran que "non estamos facendo as cousas ben" e que non se toman as medidas adecuadas para erradicar esta violencia machista. A concelleira do BNG fixo un chamamento a manifestar na rúa o rexeitamento a esta situación, pois ao igual outras conquistas feministas, "o fin da violencia machista será na rúa ou non será".
Este luns tamén se realizou unha concentración de repulsa ante a delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.