A Deputación esixe á Xunta negociar a transferencia do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva esixiu á Xunta de Galicia que active a comisión técnica para negociar a transferencia do Centro Príncipe Felipe. "Esixo que nos dean unha resposta rápida" para abrir esa mesa de diálogo "se non nos sentamos nunca imos chegar a acordos", indicou.
Nunha comparecencia diante dos xornalistas, Carmela Silva recoñeceu que o labor que desenvolve o Centro Príncipe Felipe é "bastante descoñecida" a pesar de ser unha institución, de carácter educativo e social, que opera "en moitos ámbitos". Por unha banda este centro está concibido para acoller e formar a aqueles nenos e mozos en situación de risco ou exclusión social, ademais traballa no ámbito da educación (Primaria, Infantil e Formación Profesional) e tamén se ocupa dos deportes.
"A administración autonómica ten que facerse cargo das súas competencias", insistiu Carmela Silva xa que "é unha cuestión obrigada tanto nas leis estatais como no Estatuto de Autonomía".
A presidenta da Deputación de Pontevedra dirixiuse ao titular do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo para sinalarlle que "eu dun bo presidente esperaría que lle importaran as persoas e que se fixese cargo das súas competencias".
Carmela Silva explicou que "non é que a Deputación de Pontevedra non queira prestar servizos senón que a administración autonómica ten recursos para poder facer unha mellor prestación".
CONVENIOS VIXENTES
Igualmente a presidenta provincial instou á Consellería de Educación a que convoque a reunión que a Deputación lle ten solicitado para abordar a situación do Colexio de Educación Infantil e Primaria do Príncipe Felipe, que entre outros problemas carece dun proxecto educativo adecuado, ademais as instalacións necesitan reformas estruturais.
Coa Consellería de Educación a Deputación tamén quere falar do Centro de Educación Especial no que a administración provincial está a investir 500.000 euros nunha reforma "que tería que facer a Xunta de Galicia".
Con esta consellería ten asinado a Deputación no ano 2014 senllos convenios con vixencia ata o 2024 aínda que "se poden rescindir avisando cun ano de antelación", advertiu Carmela Silva.
Tres anos antes, no 2021, expira o convenio do CIFP Carlos Oroza do que tamén quere falar o Goberno provincial coa Xunta así como dos recursos que destina para manter estes centros xa que, por exemplo, Política Social transfire 24,08 euros por cada alumno do Príncipe Felipe que deriva a Xunta mentres que abona 144 euros por persoa ao Centro Monte Alegre de Ourense.
Carmela Silva lembrou que nos catro anos que leva o actual goberno provincial (PSOE+BNG) á fronte da Deputación de Pontevedra investiron 3 millóns de euros en obras, ademais do millón de euros que destina anualmente a mantemento. Por iso pregúntase que pasou nos 40 anos anteriores "cando gobernaba outra xente" para que neste macrocentro estea "tan deteriorado todo".
Neste sentido a presidenta da Deputación sorprendeuse de que "hai xente agora levantando tantas bandeiras de reclamacións, sorpréndeme moito. Que fixeron os 40 anos anteriores? Por que permitiron que se chegase a esta situación? por que non reclamaban? Sería que os intereses eran outros e acordábanse no despacho con Louzán? Que eran outros os intereses que non eran as nenas e os nenos? Que non era a calidade na prestación de servizos ás nenas e os nenos? Que había outros acordos por baixo das alfombras?", son preguntas que fixo a presidenta da Deputación e que son, ao seu xuízo, "bastante fáciles de responder. Só hai que escarbar un pouquiño".
CENTROS
Na actualidade o Príncipe Felipe presta servizos sociais nas áreas de mocidade, familia, atención ao maior e muller, a través dos seus diversos centros residenciais, educativos e sociais. Así hai tres centros de atención a menores: Agarimo, Escola Fogar e o centro materno-infantil. Tamén conta coa escola infantil Chupetes, un CEIP, un Centro de Educación Especial e o Centro Superior de Hostalería Carlos Oroza.
Ademais acolle as dependencias da Asociación de familiares e amigos de enfermos psíquicos Alba, a Fundación Sálvora de maiores con discapacidade, os servizos de deportes e de cohesión social da Deputación e un centro homologado de formación para o fomento do emprego.
Relacionadas:
-
A Deputación insta á Xunta a que asuma as competencias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras pide a Carmela Silva que "deixe de enredar" coa transferencia do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
O PP asegura que os seus deputados provinciais non poden acceder a Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Saltan as alarmas en Comisións Obreiras ante a negociación para transferir servizos entre Xunta e Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Deputación estudan crear unha comisión para a transferencia do Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Máis dun millón de euros para reformar o Príncipe Felipe, á espera dun traspaso á Xunta
Por Anxo Lourido & Redacción |