A ponte do Burgo amosa a súa nova iluminación nocturna
A ponte do Burgo, a xeito de aperitivo, deixou ver os primeiros detalles da que será a súa iluminación nocturna. Os técnicos da empresa Setga realizaron este luns á noitiña a primeira proba coas novas luces ornamentais que terá a ponte.
Esta proba foi posible porque unha parte da nova varanda da ponte ten xa colocada a iluminación LED definitiva.
Con esta proba, que se fixo en diferentes cores -entre elas branca, vermella, azul, verde ou rosa-, poderase definir a intensidade proxectada das futuras luces da ponte.
A iluminación da ponte do Burgo estará formada por distintos elementos. Por un lado está prevista a iluminación do propio taboleiro con focos LED azul de baixo consumo colocados no pavimento que marcarán o Camiño de Santiago.
Tamén se iluminará a base do taboleiro, os arcos e os taxamares para realzar os arcos da ponte, a súa estrutura e forma. Esta iluminación conseguirase dende a base da varanda, que inclúe un espazo estanco onde se aloxará a iluminación LED.
Este material eléctrico é resistente á salitre, dado que neste punto da ría a auga xa é bastante salgada e podería prexudicar á iluminación.
Os traballos de iluminación da ponte teñen un orzamento de 730.840 euros e forman parte da reforma integral deste monumento histórico, financiada con fondos europeos FEDER e que ascendeu en total a case 2,1 millóns de euros.