Galicia non é país para suricatas
Por Manu Otero
Non é o lugar máis favorable para a súa vida, pero os suricatas chegaron a Galicia para quedar. A lexislación permíteo a pesar de que veterinarios e asociacións ecoloxistas desaconsellan a tenencia deste tipo de animais.
Denuncian os profesionais que as autoridades non persigan aqueles criadeiros que non reúnen os requisitos que marca a lei e alertan de que estas especies orixinarias do deserto africano sofren porque as condicións de humidade, horas de sol e necesidades sociais en Galicia non son as máis adecuadas.
"Trátase de animais gregarios, que non son felices de forma individual aínda que nolo pareza pola súa relación con outras especies xa domésticas. Ademais os predispoñémolos a patoloxías ou esperanzas de vida máis curtas debido a que o noso clima non é compatible coas súas necesidades", explica Ana Encisa, veterinaria nunha clínica de Vilagarcía (Centro Canino San Miguel) e membro da xunta directiva do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra.
No mesmo sentido pronúncianse desde Aecam (Asociación Educativa Animais do Mundo). "Os suricatas necesitan moita actividade física e ter a oportunidade de desenvolver comportamentos naturais como escavar tobos.
Son extremadamente sociais polo que ter un único exemplar non é o mellor para eles, aínda que nos identifiquen como a súa familia", advirten Fátima Otero e Roberto Díaz, quen sosteñen que "non todas as persoas están capacitadas para ter certos animais".
As condicións ambientais poden marcar tamén a esperanza de vida do individuo. "É moi importante o acceso directo ao sol e no caso de que non puidesen acceder hai que mantelos con raios uva. Necesitan ademais baixa humidade e temperaturas cálidas, condicións que non son moi compatibles con Galicia", subliña a veterinaria.
Na alimentación inciden tamén Otero e Díaz. "É moi especial, son insectívoros e ocasionalmente tamén se alimentan de pequenos vertebrados como lagartos, pequenas serpes, aves, ovos e algo de froita", detallan.
E a atención sanitaria non é menos importante. "É recomendable vacinar fronte ao moquillo ás 6 ou 8 semanas de vida. Tamén recomendamos a vacinación contra a rabia como en cans e gatos", sinala Encisa. Ademais se o animal "leva unha vida canina, hai que desparasitalos internamente e cada tres meses tendo en canta tamén os parasitos externos", engade. Outro dos motivos de consulta frecuentes nesta clase de animais débese á inxesta de corpos estraños.
As esixentes necesidades que presenta esta especie en catividade e a falta de paciencia e responsabilidade dalgúns propietarios acaban desembocando en moitas ocasións no abandono que pode alterar de forma grave o ecosistema e afectar a especies autóctonas. "Hai uns anos estivo de moda regalar aos nenos esquíos coreanos que non había quen as tocase, a xente abriu as gaiolas e xa se ve agora que esquíos autóctonos hai nos nosos montes", lamenta a veterinaria.
Para evitar este desenlace, os educadores ambientais de Aecam esixen un maior control sobre a cría e venda destas especies exóticas. "Por Internet atópanse todo tipo de anuncios de compra-venda de animais entre particulares. Esa cría lucrativa conleva que os animais acaben en mans de calquera, sen control e acaban sendo abandonados. A cría en catividade debe facerse de maneira responsable e por centros legais", aseveran Fátima e Roberto.
Conclúe Ana Encisa que a adopción destes animais non só responde a un desexo persoal, senón que expón un dilema moral. "Hai necesidade de ter animais que a priori non deberían estar en catividade e que ademais son especies invasoras?", pregúntase a profesional, quen recoñece que "son adorables, pero que un animal sexa dócil non sempre é sinónimo de que esa domesticación sexa ético".
Relacionadas:
-
Atopan unha avelaiona común inmóbil en Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Ollo co amor de home! E non falamos de sentimentos
Por Redacción |
-
Está a túa mascota farta de que esteas na casa?
Por Manu Otero |
-
RADIO.- Que pasa en cada período de idade do can? Podcans explícacho
Por Redacción |
-
Non é Timón, é Simón; non vive na selva, vive en Marín
Por Manu Otero |