Por Clara María Expósito, por todas
Por Redacción & Cristina Saiz
A praza situada diante da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que volver encherse de berros e reivindicación na noite deste luns. Como sucede despois de cada crime machista rexistrado en Galicia, o movemento feminista pontevedrés volveu darse cita neste enclave para amosar o seu rexeitamento ao asasinato de Clara María Expósito Vilanova, acoitelada esta fin de semana nas Gándaras (Lugo) e, en xeral, e o apoio a todas as vítimas dos distintos tipos de violencia machista.
Tamén en Bueu realizouse á mesma hora, as oito da tarde, unha concentración silenciosa diante do Concello en repulsa polo feminicidio de Clara A concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, foi a encargada de ler o manifesto da Marcha Nacional das Mulleres, o mesmo que se leu en concentracións de toda Galicia.
O movemento feminista lembrou que aínda non pasou un mes do feminicidio de Manuela Iglesias Fernández, na Pastoriza, tamén en Lugo, e xa foi necesario verse de novo nas rúas para participar dunha nova xornada de loita e reivindicación do feminismo galego dando resposta á violencia machista.
O manifesto reivindicou que as mulleres "non queremos vivir con medo, queremos saír á rúa sempre que nos pete, emprender relacións e dalas por rematadas cando así o consideremos, sen que se atente contra as nosas vidas", porque "temos dereito a vivir libremente, e porque mentres as mulleres non sexamos libres, o mundo non vivirá en paz".
Tras declararse cansas de denunciar as agresións machistas, as violencias institucionais, o acoso, as fendas salariais, a desvalorización dos traballos que realizan as mulleres, todo aquilo que discrimina ás mulleres e que algúns non están dispostos a mudar porque non queren perder os seus privilexios, o movemento feminista fixo un chamamento a cada unha das mulleres galegas para mudar comportamentos e para deixar de tolerar todo comentario e actitude machista, violenta e discriminatoria.
"Temos que soterrar o patriarcado e apartalo das nosas vidas", reclamaron, e tamén medidas reais e efectivas para a prevención da violencia machista.
Relacionadas:
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: "Se non conto, non te voto" di o Núcleo Feminista de Galicia
Por Marisa Ciordia |
-
"Dor e rabia" pola segunda vítima mortal da violencia machista do ano en Galicia
Por Natalia Puga |
-
Concentración feminista para condenar os asasinatos machistas de Lugo e Granada
Por Redacción |