Buscan un mariñeiro desaparecido tras envorcar unha embarcación en Ons
Por Redacción
O helicóptero Helimer 402 e a embarcación Paio Gómez Charino de Salvamento Marítimo, Salvamar Sargadelos da Garda Civil e diferentes pesqueiros tentan localizar desde o mediodía deste martes 11 un mariñeiro desaparecido na zona norte da Illa de Ons.
Un golpe de mar provocou que a planeadora Rosa, unha embarcación que ten a súa base na Illa de Arousa e que ía cara unha batea de mexillóns na zona, se afundira nas inmediacións da illa. Segundo a información facilitada por Salvamento Marítimo e a Garda Civil, os tripulantes lanzáronse a auga e comezaron a nadar cara a zona norte de Ons. Un chegou ata terra mentres que outro foi recollido pola patrulleira da Garda Civil cando estaba preto da iila mentres que o terceiro desapareceu durante o traxecto.
A Garda Civil trasladou os dous mariñeiros rescatados a Portonovo, un deles tiña feridas con motivo das rañaduras sufridas e foi enviado a un centro médico para que fose atendido. Tamén se remolcou a embarcación, unha operación que foi lenta debido ás inclemencias do tempo. O desaparecido é veciño da Illa de Arousa.
Esta situación prodúcese 48 horas despois de que falecese José Luis Vidal, un mariñeiro que caía ao mar da súa embarcación cando navegaba pola mesma zona. A Axencia Estatal de Meteoroloxía mantivo durante as últimas horas a alerta por un episodio adverso no mar de nivel laranxa, con ondas de ata 7 metros e vento forte en todo o litoral galego.