Protección Civil de Cuntis atendeu durante 2019 un total de 483 emerxencias
Por Oskar Viéitez
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis incluída dentro do Servizo Municipal de Protección Civil, atendeu durante o ano pasado 483 intervencións, un 18% máis que no 2018, sendo o mes de marzo o que resulta con máis avisos notificados.
Do montante das actuacións, 208 (43%) pertencen a colaboracións con entidades e eventos para a coordinación de aspectos de seguridade ou loxística. Como se explica dende o grupo, a pesar de priorizar o traballo que existe no propio Concello, a Agrupación de Voluntarios procura colaborar con todas aqueles colectivos que o solicitan e cubre tamén eventos noutros concellos como Portas, Moraña ou incluso Pontevedra.
O 16% dos operativos, con 77 intervencións totais, corresponden á asistencia en accidentes de tráfico, tanto con feridos como con danos materiais.
A Agrupación destaca novamente que existen dúas zonas principais no concello de Cuntis onde se produce a maior parte dos sinistros. Trátase das curvas de Castroloureiro -recentemente arranxadas tras as xestións do Concello con Fomento- e dun treito da estrada provincial EP-8401 onde tamén existen curvas pronunciadas nas que se produciron varios accidentes de vehículos pesados.
Os percances de tráfico teñen lugar de xeito similar ao longo do ano, aínda que foron os meses de outubro (11), agosto e novembro (10) os que rexistraron un maior número.
VELUTINA
Os avisos por avespa asiática ocupan dende hai uns anos boa parte do traballo da Agrupación de Voluntarios. Realizáronse neste caso un total de 50 intervencións, un 10% das totais, contando tamén as levadas a cabo en concellos veciños como Caldas de Reis, Portas ou Moraña. Aínda así, o informe só recolle aqueles avisos que o 112 tramitou directamente coa AVPC, xa que é ao GES da Estrada a quen lle corresponde oficialmente a retirada de niños. Xullo e agosto foron os meses con máis actuacións neste caso.
O alcalde de Cuntis, e presidente do corpo, Manuel Campos Velay, cualificou como "exemplar " o traballo de Protección Civil e puxo en valor que "Cuntis é o único municipio da comarca con servizo de emerxencias municipal propio, o que nos permite dar resposta de maneira rápida e efectiva a todos os avisos dos nosos veciños e, ao mesmo tempo, colaborar con concellos próximos".
O rexedor agradeceu "o esforzo e o compromiso dos 10 membros da Agrupación" e fixo fincapé en que o Concello tratará incluso de reforzalo durante o presente mandato.