Caldas impulsa un parque forestal de 40 hectáreas nos montes de Santa María
Por Redacción
Case corenta hectáreas ocupará o novo parque forestal que Caldas de Reis habilitará en terreos da comunidade de montes de Santa María. O proxecto técnico, elaborado polo enxeñeiro forestal Raúl Vilela, xa está redactado e agora iniciaranse os trámites para a cesión do espazo e a busca de financiamento.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, explicou que se trata dun proxecto "moi ambicioso" que permitirá poñer en valor unha importante superficie forestal, xerando novas conexións entre os veciños e os valores ecolóxicos da mesma, ao tempo que satisfaga necesidades económicas, ecolóxicas, sociais e culturais a través da diversificación do monte.
O proxecto contempla a revalorización e adecuación de masas frondosas autóctonas mediante traballos de mellora e eliminación de especies invasoras, podas e rozas manuais. Concretamente, actuarase na conservación dunha zona de carballeira de case sete hectáreas para favorecer a súa conservación e mellorar o seu atractivo e interese paisaxístico.
Así mesmo, acondicionaranse dúas rutas de sendeirismo de fácil percorrido que permitirán conectar diferentes ecosistemas forestais e potenciar a interacción dos veciños co sector forestal da zona. Estas rutas discorrerán por camiños xa existentes que serán acondicionados.
Contarán con sinalización direccional e carteis explicativos ao longo de todo o percorrido e cada unha das sendas, que terán carácter circular, terá unha distancia aproximada de 3,2 quilómetros, dificultade baixa e unha duración estimada de realización de 50-60 minutos.
As rutas de sendeirismo integrarán unha área recreativa onde no seu punto máis alto coñecido como "Pataca Cortada" haberá un miradoiro para fomentar o goce dos recursos paisaxísticos.
Trátase dun entorno conformado por grandes penedos de granito que será acondicionado para ofrecer un lugar de descanso para os visitantes. O miradoiro situarase no punto máis alto dos penedos, terá forma cuadrangular e irá directamente apoiado sobre a pedra.
Por último, o proxecto contempla a creación dunha área de aproveitamento micolóxico que busca revalorizar unha masa de piñeiro e carballeira existente xerando sobre a mesma un aproveitamento micolóxico e recreativo complementario ao madeireiro existente.
Os traballos a realizar comprenden a limpeza da vexetación arbustiva para proceder posteriormente á introdución artificial de esporas dun fungo comestible da especie boletus a través do procedemento adecuado.
O proxecto tamén inclúe importantes medidas para diminuír a probabilidade de que se suceda un incendio forestal e para reducir o risco no caso de que se produza.
Para iso realizaranse xestións específicas das especies forestais que rodean as pistas e camiños do parque forestal así como controis especiais de biomasa destinados a mellorar a descontinuidade da cuberta vexetal e así reducir o probabilidade dun lume.