Comisións Obreiras pide a Carmela Silva que "deixe de enredar" coa transferencia do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
A Sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra pediu á presidenta provincial Carmela Silva que "deixe de enredar" co tema da transferencia porque "ela mesma sabe que non se vai a dar". "Este é un xogo político perverso que pon nerviosos aos traballadores e as súas consecuencias acaban padecéndoas os nenos", asegura nun comunicado este sindicato.
Desde Comisións Obreiras acusan á presidenta da Deputación de "mentir sen ningún tipo de rubor" sobre os investimentos orzados e executados nos centros. Así, o actual goberno provincial -formado por PSOE e BNG- sitúa o investimento levado a cabo en cinco anos en tres millóns de euros en obras, ademais do millón de euros que destina anualmente a mantemento mentres que CC.OO. reduce o investimento "real" a 680.000 euros "que é a cantidade máis pequena de todas as lexislaturas nos últimos 20 anos".
Ademais Comisións Obreiras afirma que Carmela Silva "culpabiliza aos demais da deterioración das instalacións" porque "remórdelle a conciencia de facer un uso político a conta das desgrazas dos menores acollidos" cando, segundo este sindicato, o que tería que facer "se fose unha política decente, é todo o contrario do que fai".
Finalmente, desde Comisións Obreiras apuntan que "Carmela Silva só quere transferir aquilo ao que non lle pode sacar rendibilidade política", e reafirman a súa posición é contraria ás trasferencias dos distintos centros "porque prexudican os dereitos adquiridos polos traballadores na Deputación".
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras inicia unha campaña contra a represión sindical e a precariedade laboral da Deputación
Por Manu Otero |
-
A Deputación esixe á Xunta negociar a transferencia do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Saltan as alarmas en Comisións Obreiras ante a negociación para transferir servizos entre Xunta e Deputación
Por Oskar Viéitez |