A biblioteca das tentacións
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Este venres celébrase o día de San Valentín, o día do amor. E seguro que a biblioteca da facultade de Ciencias Sociais recibirá a visita de algúna parella feliz que, entre apuntamentos e libros, cruzaron alí as súas primeiras miradas. Porque á sala de lectura máis concorrida do campus de Pontevedra non só van a estudar.
No 2017 un informe publicado por Meetic situou ao centro pontevedrés como o noveno no que máis se liga de todas as facultades de España. "Claro que é verdade, aquí lígase", é a resposta de calquera dos estudantes que frecuenta a sala ao ser cuestionados sobre a veracidade deste informe.
Un simple paseo entre as mesas e unhas breves conversacións cos asistentes máis incondicionais basta para darse conta de que entre os andeis de Ciencias Sociais respírase un clima diferente. Todos coñecen historias de persoas que coñeceron a alguén especial entre estas paredes, pero rara vez admiten ser os protagonistas. "Eu teño un amigo que", matizan antes de contar as súas anécdotas. E hainas de todo tipo, desde as máis inocentes ata as máis aloucadas.
"Un día unha mirada, outro día un sorriso e un día descobres que está sentado fronte a ti" ou "empézanche a seguir por Instagram". Así comezan moitos destes idilios. Algúns son fugaces, outros acaban consolidándose. Como lle ocorreu a unha parella de coñecidos que acudían xuntos a esta biblioteca para preparar oposicións e acabaron namorándose.
As tácticas para establecer ese decisivo primeiro contacto son variadas. Hainos máis atrevidos que se lanzan a falar directamente co seu crush ou outros máis cautos que van deixando pistas. "A min deixáronme escrito un número de teléfono nun post- it sobre os meus apuntamentos", lembra entre risas unha aspirante a profesora, á que a manobra, lonxe de agradala, asustouna.
Con todo, esa mesma forma de proceder ás veces acaba en éxito. "A min pasoume varias veces, empezas a falar con elas e ás veces xorde algo máis e noutras vez que non hai feeling", relata outro opositor que garda nun cartafol toda unha colección de mensaxes e números de teléfono que atopou sobre os seus apuntamentos ao regresar do baño ou de realizar un descanso.
Pero tamén se dan ocasións nas que a paixón é irrefreable e son numerosos as testemuñas e persoas que oíron falar de encontros íntimos nun dos cuartos de baño das plantas altas da facultade. "Ía ao baño e estaba unha moza por alí falando por teléfono e dicíalle á outra persoa: 'pero estás seguro de que non hai ninguén?'. Tampouco é a primeira vez, contan, que a facultade pecha e o garda de seguridade ten que abrir as súas portas a unha parella que se despistou da hora.
"Estamos todos os días no mesmo sitio e ao final acabas coñecendo á xente que tes á beira", normaliza un estudante que prepara as probas de ingreso na Garda Civil. "Á biblioteca vénse a socializar e tamén a estudar", chancea outro estudante.
Outros ven as súas visitas á biblioteca unha oportunidade para ter unha escusa coa que iniciar conversacion coa persoa que lle gusta. "Ligar aquí non sei, pero empézanche a seguir por Instagram. Tamén Pontevedra é moi pequena e sempre chos atopas fóra da biblioteca ou nalgún pub pola noite", apunta outra opositora.
"Mellor ligar na biblioteca que na discoteca", conclúe entre risas e citando a un coñecido monologuista outro dos habituais dunha biblioteca á que moitos acoden para encarrilar o seu futuro, non só o laboral, tamén o sentimental.