A Fiscalía e os usuarios da AP-9 ven cobros abusivos na peaxe por Rande; Audasa e o Estado, cumprimento da lei
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O xuízo contra a empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, pola presunta cobranza abusiva de peaxes durante as obras de ampliación da ponte de Rande quedou este mércores visto para sentenza no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra sen cambios no posicionamento das partes con respecto ás súas posturas iniciais: a Fiscalía, as asociacións En Colectivo e Adicae e unha ducia de afectados queren facer valer os dereitos dos usuarios prexudicados polos continuos atascos a que se lles devolva parte da peaxe paga e a Avogacía do Estado e a empresa negan as retencións e aseguran que legalmente non podían non cobrarse esas taxas.
Este procedemento iniciouse por mor da presentación dunha demanda colectiva por parte da Fiscalía Provincial de Pontevedra e, por tanto, foron os dous fiscais do caso, Alejandro Tuero e Santiago Miguel Cruces, os que comezaron cunha exposición na que concluíron que, durante as dúas sesións do xuízo, quedou demostrado que nos 3 anos que duraron as obras de ampliación da ponte de Rande ese tramo da AP-9 "non ten condicións de autoestrada" e, por tanto, Audasa "o que podía facer durante as obras era reducir o prezo da peaxe". Ao non facelo, incorreu nunha "práctica abusiva".
"Que é unha práctica abusiva? Pase o que pase, nós imos cobrar igual", indicou Alejandro Tuero, que na súa exposición recorreu a exemplos facilmente entendibles como as cláusulas chan ou o prezo da bombona de butano e indicou que Audasa debe ser condenada por esta práctica porque, a pesar das obras e de que o servizo non era adecuado para os usuarios, "está a cobrarse unha peaxe, o mesmo que cando a autoestrada funciona ben".
Os fiscais manteñen que "é Audasa e non os usuarios os que teñen que asumir ese custo" por un mal servizo e, como exemplos dese mal servizo, falan das retencións continuas e de que, segundo Santiago Miguel, "non existía nin un só cartel que permitise ao usuario que accedía á AP-9 saber como se atopaba ese día", de modo que non había "liberdade de elección" doutra vía alternativa nin se cumpría o "deber de información".
Durante o seu informe de conclusións finais cuestionaron ao perito de parte que abriu a sesión deste mércores, pola súa "vinculación estreita con Audasa" e tamén quixeron poñer o foco sobre o feito de que, coa sentenza que se dite nesta causa, o maxistrado Manuel Marquina ten a "oportunidade de demostrar que en Galicia si se protexe desde primeira instancia os dereitos dos consumidores".
A empresa Audasa presenta unha postura totalmente oposta. Así, os seus avogados negan os 202 episodios de atascos e retencións contabilizados pola Fiscalía entre 2015 e 2018 e, a modo de resumo, conclúen que "o tráfico foi fluído durante a maior parte do tempo da execución das obras". De feito, tan só recoñecen "retencións puntuais" e sinalan que a maioría foron "alleas ás obras".
En resposta outra das recriminacións da Fiscalía sobre a falta de sinalización das incidencias na vía, aseguraron que "non se lle pode imputar Audasa que non sinalizase cando non é algo que poida facer". Pois, segundo sosteñen, é a DGT a responsable de avisar aos condutores antes de entrar na vía de que pode atoparse atascos e retencións.
Doutra banda, lembran que "a normativa española é de obrigado cumprimento" e a Lei de Autoestradas de Peaxe establece a obrigación de que o usuario pague a peaxe por usar a autoestrada.
Nunha liña similar manifestouse o avogado do Estado, que reprochou á Fiscalía que fale de práctica abusiva cando, en realidade, a cobranza desa peaxe "é resultado da aplicación dunha lei (a Lei de Autoestradas de Peaxe) e dun prego administrativo de condicións do servizo (o contrato asinado entre o Ministerio de Fomento -agora Ministerio de Transporte- e Audasa). O artigo 14.2 desa citada lei sinala que os usuarios están obrigados a pagar a peaxe.
A Avogacía do Estado tamén fala dunha cuestión de competencia que faría que esta causa non debería estar a se xulgar nun xulgado do Mercantil, senón nun Contencioso-Administrativo e cita potenciais riscos para as contas estatais asociados a este procedemento xudicial pois, segundo sostén "hai un gravísimo risco de que o importe da condena retornarse como un boomerang aos orzamentos do Estado", de tal forma que unha posible condena a Audasa nesta causa acabarían pagándoa os 30 millóns de españois que pagan impostos.
Os avogados das asociacións e usuarios acudidos nesta causa adheríronse ás conclusións da Fiscalía. Adicae representa a 65; En Colectivo a 220; e hai unha ducia máis de usuarios que compareceron a título particular.
Terminado o xuízo, os fiscais do caso sinalaron, a modo de balance, que se botou de menos poder escoitar na sala unha parte importante da proba, "os usuarios que sufriran" as consecuencias das obras. Santiago Miguel e Alejandro Tuero propuxeran a declaración de 80 e non se admitiu a ningún, decisión coa que non están de acordo. Anuncian que no caso de que o resultado da sentenza que deberá ditar o Xulgado do Mercantil nos os satisfaga, recorrerán en segunda instancia e pedirán o seu testemuño.
Este xuízo dá por pechado o primeiro episodio dunha demanda na que estes fiscais levan traballando máis dun ano e medio e, na súa opinión, nas dúas sesións celebradas esta semana, cumpríronse as súas pretensións e están "realmente satisfeitos" co resultado da proba.
Así, cren que se confirmou o que eles sostiñan na súa demanda, que a AP-9 neses momentos non se podería considerar unha autoestrada e que esas molestias aos usuarios que formaron pola construción das obras "debían ser tidas en conta para os efectos de moderar o prezo que pagaban os cidadáns e usuarios" en forma de peaxe.
Aínda que o avogado do Estado e os letrados de Audasa din que esa peaxe debe cobrarse por lei, eles interpretan que a lei fixa un prezo máximo, pero non un prezo fixo. "Era o que expuña a Avogacía do Estado en diferentes procedementos ante o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, pero agora cambiou de opinión", cuestionan.
Relacionadas:
-
O ano no que Rafael Louzán, Luisa Piñeiro e Audasa pasaron polo xulgado
Por Natalia Puga |
-
A sentenza contra Audasa deixa "co cu ao aire", segundo o BNG, á Xunta e a Fomento
Por Redacción |
-
Os afectados celebran a sentenza contra Audasa: "É un triunfo da acción colectiva"
Por Redacción |
-
Condenan a Audasa a devolver as peaxes cobradas a usuarios da AP-9 afectados por 81 incidencias
Por Redacción |
-
Un perito reduce os episodios graves de retencións polas obras de Rande a dous en tres anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Técnicos da DGT e Audasa negan os atascos na AP-9 durante as obras de Rande e falan de tráfico "fluído"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O xuíz da causa das peaxes de Rande ve "indudable" que o Estado defende os intereses de Audasa
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Fiscalía presenta unha demanda colectiva contra Audasa polo cobro "abusivo" da peaxe de Rande
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía abre dilixencias polo "deficiente funcionamento" da AP-9 en Rande
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada