A Academia Galega de Seguridade Pública organizará un curso de socorristas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) organizará un curso de formación de socorristas en Sanxenxo.
O goberno local xestionou coa Dirección Xeral de Emerxencias a realización deste curso de 80 horas aberto a calquera persoa que teña o título de técnico deportivo ou graduado en educación física (INEF) ou estea a cursar o último ano.
Jaime Leiro, concelleiro de Seguridade Cidadá, comunicou esta nova á Universidade de Vigo para que informe a todo o alumnado susceptible de concorrer a esta convocatoria. Para dar maiores facilidades acordouse un horario de venres a domingo, ao longo de catro fins de semana, para non interferir coas horas lectivas.
Os concellos teñen grandes dificultades para atopar socorristas desde que en 2012 a Xunta estableceu que para exercer esta función hai que pasar o procedemento de cualificación profesional que convoca a administración autonómica anualmente para os socorristas que obtivesen unha formación non regrada anterior a 2012 e conten con experiencia profesional.
Outro dos requisitos é ter título de técnico deportivo ou graduado en educación física e un curso de adaptación de 80 horas que habilita para exercer como socorrista nas praias, ou ben realizar un curso formativo de 480 horas do certificado de profesionalidade para socorristas acuáticos en espazos naturais.
Sanxenxo prevé a contratación duns 74 socorristas entre acuáticos e sanitarios para cubrir 16 praias, 2 embarcacións e a central de comunicacións. A intención da concellería de seguridade cidadá é que as praias máis concorridas dispoñan do servizo de salvamento desde os primeiros días de xuño ata a segunda quincena de setembro.