Condenado a dous anos e medio de prisión un marinense por tentar matar o seu compañeiro de piso
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra resolveu este xoves mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito de homicidio en grao de tentativa.
O acusado A. B. P., veciño de Marín, aceptou unha condena de dous anos e medio de prisión por tentar matar a coiteladas ao seu compañeiro de piso tras recriminarlle que puxese cinta illante no mando do televisor.
Mediante este acordo de conformidade a Fiscalía rebaixou a petición inicial de penas de cinco anos despois de recoñecer o procesado a súa autoría e tras apreciar como atenuante que, no momento de cometer os feitos, o acusado atopábase baixo os efectos do alcol e as drogas, así como a súa adicción a substancias estupefacientes.
Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron o 26 de febreiro de 2019, nun piso de Marín onde convivían por razóns de traballo o acusado e a vítima.
Sobre as 22.00 horas, iniciouse unha discusión na que o procesado recriminou ao seu compañeiro de piso a colocación da cinta illante no mando e, "con intención de acabar coa súa vida", tentou cravarlle un coitelo na barriga.
O compañeiro de piso logrou apartarse, pero o agresor volveu tras el e dirixiulle varias coiteladas á cabeza e o abdome. Non conseguiu ferilo pola oposición do outro implicado.
O acusado leva un ano ingresado en prisión provisional por estes feitos.