Unións Agrarias convoca a 600 produtores da provincia á manifestación do 19 de febreiro na Coruña
Por Manu Otero
Os gandeiros e agricultores están en pé de guerra en todo o país. Levan semanas de mobilizacións para esixir o pago dun prezo xusto aos produtores. E en Galicia tamén se unen ás reivindicacións. O 19 de febreiro ás 12 horas fronte á Delegación do Goberno da Coruña reuniranse preto de 2.000 traballadores do sector primario para esixir unha solución aos problemas que poñen en risco a viabilidade das producións, dos que preto de 600 chegarán desde Pontevedra.
O delegado de Unións Agrarias en Pontevedra, Javier Iglesias; e o secretario comarcal das Rías Baixas, Manuel Ángel Dopazo; compareceron esta mañá para explicar os detalles desta mobilización e as reclamacións dos produtores na provincia. Despois de manifestarse o mes pasado polos danos e perigos causados polo xabaril, o sindicato denuncia que lle están pagando os mesmos prezos de hai vinte anos, pero os custos son moito máis elevados por cumprir coas normas de "trazabilidad, a seguridade alimentaria ou respecto ao medio ambiente".
Denuncian ademais que os beneficios que reciben as grandes cadeas de distribución non se corresponden cos ingresos dos produtores. "As marxes da comercialización da pataca segundo a OCU son do 635 %", ilustra Iglesias, quen pon tamén como exemplo que "o prezo da cebola que se lle paga ao produtor é de 0,20 euros por quilo e nos supermercados véndese por 1,44 euros".
No caso da gandería, demandan que os prezos se constrúan de abaixo cara arriba porque agora son os distribuidores os que fixan o valor da carne ou o leite.
Para corrixir dunha vez por todas a crise do campo, Unións Agrarias solicita a creación dunha mesa de negociación que permita establecer uns prezos mínimos de produción e nas que deben estar presentes as Comunidades Autónomas para velar polas particularidades de produtos autóctonos como a tenreira galega ou a uva de tipo albariño.
O responsable comarcal das Rías Baixas referiuse aos problemas que sofren os agricultores da zona, moitos deles tiveron que renunciar á instalación de invernadoiros pola falta de ingresos para mantelos. No referente á viticultura, Dopazo mostrou a súa preocupación polos efectos do Brexit ou os aranceis á venda do viño a Estados Unidos. Ademais lamentou que os custos de produción son cada vez máis altos polas restricións aos produtos fitosanitarios. "Cada vez son menos efectivos e máis caros", rematou.
Relacionadas:
-
A pataca de Xinzo que veu durante o confinamento para quedar
Por Redacción |
-
Piden á Xunta que contrate cazadores profesionais para facer fronte ao exceso de poboación xabaril
Por Anxo Lourido |
-
Os viticultores piden contratos con prezos fixados e maior control dos rendementos
Por Oskar Viéitez |
-
Unións Agrarias reclama un incremento do prezo do leite
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |