O tenis de mesa terá un pavillón específico en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal está decidido a afrontar, ao longo deste mandato, unha profunda renovación das instalacións deportivas de Pontevedra. Así o sinalaron o alcalde e o tenente de alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández.
O proxecto estrela, sen dúbida, será o novo complexo deportivo da Parda. Alí construiranse dous pavillóns, un dedicado exclusivamente á ximnasia e outro de competición. O Concello estima que para iso será necesaria un investimento de 10 millóns de euros.
A intención é que as obras poidan comezar en 2021. Os técnicos municipais xa redactaron un anteproxecto e tan só quedan por definir os aspectos deportivos.
Para iso, ambos dirixentes visitaron instalacións similares nas localidades portuguesas de Vilanova de Gaia e Guimaraes, un percorrido que ambos cualificaron como "moi interesante" porque lles permitiu "ver as cousas que podemos incorporar" ao proxecto e, ao mesmo tempo, anticiparse aos problemas que poidan xurdir.
"Foi francamente instructivo", sinalou o edil de Deportes, que lembrou que este tipo de instalacións deben contar con "especificacións moi concretas" que se teñen que cumprir, engadiu, para que o proxecto sexa "ambicioso".
O Concello pretende que este novo complexo sexa unha "referencia" en Galicia. No seu financiamento participará a Xunta de Galicia, segundo lembrou o alcalde, porque o uso deste pavillón de ximnasia cederase polas mañás aos deportistas que se forman no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
PAVILLÓN PARA O TENIS DE MESA
A novidade, con todo, é que o anuncio por parte do alcalde da construción dun pavillón específico para a práctica do tenis de mesa en Monte Porreiro. Trátase dun deporte en auxe en Pontevedra, con dous equipos na máxima categoría, e que actualmente entrega e xoga "de prestado" en Príncipe Felipe.
A este respecto, o Concello baralla tres opcións: reformar o actual pavillón de Monte Porreiro, construír un novo noutra parcela do barrio ou crear unha "mini cidade deportiva" e integrar este pavillón co campo de fútbol e rugby. A decisión, segundo adiantaron Lores e Tino Fernández, tomarase "antes do verán".
Ademais, se a Xunta decide incluír o tenis de mesa na oferta formativa do CGTD tamén se cederían estas instalacións en horario matinal para os deportistas bolseiros, mentres que polas tardes sería usado exclusivamente polo Club de Tenis de Mesa de Monte Porreiro.
A estes dous proxectos sumarase a reforma xa prevista no pavillón da ONCE, no que se investirán uns 400.000 euros para modernizar as instalacións, que se dedicarán á práctica de dúas especialidades deportivas, o taekwondo e a esgrima.
Relacionadas:
-
Tres millóns de euros para mellorar a cuberta, o illamento e a eficiencia enerxética do Municipal
Por Manu Otero |
-
Máis de dous millóns de euros para converter o pavillón de Monte Porreiro na casa do tenis de mesa
Por Diego Espiño |
-
O renovado pavillón da ONCE convértese no centro de operacións do taekwondo e a esgrima
Por Manu Otero |
-
Adxudicadas as obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE
Por Redacción |
-
O PP pide o arranxo do pavillón de Verducido
Por Redacción |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro, orgulloso da súa canteira
Por Diego Espiño |
-
Sete empresas optan á reforma do antigo ximnasio da ONCE
Por Oskar Viéitez |
-
O xaponés Shohei Onodera, preparado para debutar co Tenis de Mesa Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O Concello buscará alternativas para os ximnastas á espera do novo pavillón da Parda
Por Manu Otero |
-
Reunión "agradable e cordial" entre Feijóo e Lores para analizar "minuto e resultado" dos compromisos da Xunta
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Adquiren tres parcelas para o acceso ao futuro centro deportivo da Parda
Por Alejandro Espiño |