Preocupación sindical ante o futuro de Trèves e Aludec se PSA non aposta por novos modelos de vehículos
Por Redacción
María Xosé García e Xoán Xosé Bouzas, responsables de automoción e industria na CIG, presentaban este venres o acto de protesta que se levará a cabo o martes 18 de febreiro ás 14.00 horas no Polígono do Campiño desde a fábrica de Trèves ata Aludec, dúas empresas do sector de automoción que se atopan directamente afectadas polas decisións que se adoptan na fábrica de vehículos PSA en Vigo. Esperan que o persoal de ambas as fábricas, ao redor de 500 traballadores, apoien esta iniciativa.
Os responsables do sindicato nacionalista encadran esta acción dentro da campaña que teñen en marcha desde hai máis dun ano reclamando ao sector de automoción que non se incida na precariedade laboral que afecta o sector. Reclaman a aplicación do convenio sectorial ou o da empresa principal, neste caso PSA, a todo o persoal, ademais de esixirlle á Xunta un plan galego para a industria do vehículo con apoio ao I+D+i no sector e a creación dunha mesa galega de automoción integrada pola actual agrupación industrial empresarial (CEAGA).
Neste sentido, desde a CIG mostran a súa preocupación, do mesmo xeito que xa o manifestaban desde o comité de empresa de Trèves, ante a falta de planificación de fronte ao futuro en PSA e á falta de investimentos para adaptarse ás medidas que se establecerán na futura Lei de Transición Ecolóxica, que ten previsto aprobar o goberno de Pedro Sánchez.
Alertan de que na fábrica de Vigo, da que dependen numerosas empresas auxiliares, séguense traballando modelos de baixo custo case todos modelos diésel e non se están promovendo vehículos híbridos, eléctricos ou de gas para as medidas que se están establecendo nas grandes cidades para reducir as emisións de CO2.
Sinalan que, a pesar de solicitar desde hai un ano información á Xunta sobre as axudas que se destinan ao sector da automoción, non se lles ofreceron datos. E témense que esas axudas autonómicas se destinen a outras plantas de fabricación de vehículos desta empresa fóra de Galicia como nunha fábrica de Vila Nova de Cerveira, en Portugal.
En Vigo actualmente, segundo María Xosé García, fabrícanse 5 furgonetas todas con motores diésel ademais do C4 Picasso que finalizará a súa produción nun prazo de dous anos e piden modelos que se adapten ao novo mercado atendendo á redución dos índices de emisións á atmosfera.
Desde o sindicato reclaman tamén unha tarifa eléctrica industrial para a automoción e reclaman á administración unha bonificación para quen produce e exporta. Xoán Xosé Bouzas lamenta que Galicia sendo un país produtor de enerxía eléctrica se vexa penalizada pagando un 30% en taxas mentres que en Euskadi ou en Cataluña o sector da automoción está exento destas tarifas. "Imos por detrás de Europa", afirma María Xosé García.
Alertan de que ademais os persoais das empresas de automoción en Galicia teñen traballadores con idades moi avanzadas e reclaman a incorporación de xente nova á industria, ademais dunha maior implicación do sector coas universidades galegas.