As obras de Echegaray rematarán en dez días
Por Manu Otero
As obras de humanización da rúa Echegaray encaran a súa recta final e este venres recibiron a visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen asegurou que nun prazo de entre dez e quince días volverá á normalidade. "Está nas últimas fases e nunha ou dúas semanas estará operativa", declarou o rexedor.
Os traballos serviron para ampliar as beirarrúas e mellorar o pavimento, así como para habilitar aparcamentos de servizo en ambas as marxes. "O resultado é positivo e tivéronse en conta as demandas do veciños", avaliou o mandatario nacionalista.
Ademais de mellorar a imaxe da rúa, este proxecto presupostado en 700.000 euros serviu para renovar tamén os servizos de abastecemento e saneamento. Así mesmo, na contorna do ambulatorio Virxe Peregrina habilitaranse aparcamentos para persoas con discapacidade, ambulancias e motos.
Aclarou Lores que a actuación neste vial non modificará o sentido do tráfico, que seguirá sendo de saída.