Localizado o corpo do mariñeiro da Illa de Arousa que caera ao mar preto de Ons
Por Redacción
Este venres ao redor das 13.45 horas, a embarcación Punta Roncadoira dos efectivos de salvamento da Xunta de Galicia localizaban o corpo sen vida de Iván Harry Otero, o mariñeiro de 30 anos, veciño da Illa de Arousa, que desaparecera tras o afundimento da planadora na que viaxaba xunto a outros dous compañeiros o martes 11 na contorna da Illa de Ons, en Bueu.
A embarcación que estaba a traballar con outros efectivos durante as últimas horas na procura do mariñeiro atopábao nas inmediacións da Illa de Ons. O corpo foi trasladado a unha embarcación particular que o transportaba a Cabodeiro, na Illa de Arousa, onde residía. O barco ía custodiado por unha embarcación da Garda Civil.
Iván Harry Otero viaxaba na planadora Rosa, que envorcaba cando se dirixía cara unha batea por un golpe de mar na zona norte de Ons. Un dos mariñeiros que lle acompañaban logrou chegar ata a illa mentres que outro foi recollido cando tamén tentaba chegar a nado ata terra.
Durante os últimos días, diferentes efectivos de Salvamento Marítimo como o SAR Gavia, Salvamar Sargadelos ou os helicóptero Helimer 402 e Pesca 1 participaron na procura do home desaparecido, ademais de efectivos de Protección Civil por terra.