A Semana Galega de Filosofía analizará de que modo as novas tecnoloxías transformaron a vida das persoas
Por Oskar Viéitez
Filosofía e Civilización Dixital será o título da XXXVII edición da Semana Galega de Filosofía, que se desenvolverá entre o 13 e o 17 de abril no Teatro Principal.
"Entendemos que existen unha serie de tecnoloxías que nos últimos 30 anos cambiaron realmente a estrutura da sociedade", apuntou a presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, respecto dos motivos polos que a Semana Galega de Filosofía buscará neste 2020 por analizar de que modo as novas tecnoloxías "transformaron a vida das persoas e a propia sociedade e ata que punto nos están influíndo en todas as ordes".
Os cambios que supuxeron "nas nosas formas de convivencia, na nosa economía e mesmo nas nosas formas de ocio", serán nese senso algúns dos aspectos a abordar neste foro de debate, que presentará o seu programa nas próximas semanas, e que se completará, como apuntaron nesta xornada, coas actividades que a Aula Castelao promova xunto coa Vicerreitoría.
O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, asinaron este venres o anexo ao acordo marco de colaboración que, desde 1996, a institución académica mantén coa organización da semana.
Este acordo recolle tamén a organización, no marco desta Semana, de dúas conferencias no campus.