O Concello de Sanxenxo abriu 221 expedientes de limpeza de leiras durante 2019
Por Redacción
A concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo abriu 221 expedientes de limpeza de leiras durante 2019.
Esta concellería é a encargada de tramitar ordes de execución e limpeza de leiras polo incumprimento da normativa vixente disposta na Lei 3/2007 do 9 de abril de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia.
Tamén actúa cando non se cumpren as condicións mínimas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e decoro establecido no artigo 136 da Lei do Solo de Galicia do 2/2016.
Durante do ano 2019 a concellería atendeu 145 queixas veciñais por parcelas en estado de abandono, ademais de iniciar outros 49 expedientes de oficio.
Dos 221 expedientes incoados durante o pasado ano 120 están resoltos, por tanto, as leiras xa se limparon, algunhas mesmo antes de pechar o expediente. 18 están dentro do prazo que establece a lei para a súa execución e 83 están no período de audiencia que establece a lei.