Máis de 1,5 millóns de euros para executar a segunda fase de mellora da estrada PO-235 na Lama
Por Redacción
A Axencia Galega de Infraestruturas convoca para os días 2 e 3 de marzo aos titulares dos terreos que se precisan para executar as obras da segunda fase de mellora na estrada autonómica PO-235 ao seu paso polo Concello da Lama, co fin de realizar os pagos dos depósitos previos.
O orzamento desta intervención ascende a máis de 1,5 millóns de euros, ademais de 40.000 destinados ao pago para a execución deste traballo entre os núcleos de Antas e Seixido, segundo informan desde a Xunta de Galicia.
Os propietarios das leiras deberán acudir eses días á Casa do Concello da Lama. O día 2 en horario de 09.30 a 13.30 horas e o día 3, entre as 09.30 e as 11.30 horas.
A obra prevista contempla a mellora desta estrada autonómica para completar a reforma realizada nunha primeira fase no tramo máis próximo a Seixido, ao longo de dous quilómetros e que finalizaron en outubro de 2018.
A nova actuación será desde a travesía de Antas entre os puntos quilométricos 11+870 ao 15+560 e continuará no punto 15+740 ata o 17+200, na zona na que se concluíron os traballos na parroquia de Seixido.
A estrada pasará dos actuais 5 metros de ancho a 6,5 metros ao longo de cinco quilómetros. Ademais melloraranse as curvas de menor radio. Tamén está previsto o tendido e revestimento das cunetas, naqueles tramos nos que resulte conveniente. Completarase toda a obra coas sinalizacións horizontais e verticais, ademais do balizamento e defensas correspondentes.