Activada a alerta laranxa costeira en todo o litoral galego
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia ampliou a alerta laranxa costeira a todo o litoral galego. Desta forma, as Rías Baixas veranse afectadas por un novo temporal de vento ao longo das próximas horas do domingo 16.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sinala que haberá mar combinada do oeste-nordés con ondas que poderán alcanzar os seis metros de altura. Esta situación espérase que se inicie a primeiras horas deste domingo, con vento do suroeste de forza 7.
Tamén se activa a alerta laranxa por vento en terra ante a previsión de refachos que chegarían a alcanzar o 100 km/ h. en zonas como a Mariña lucense.
Como é habitual nestes casos, a Xunta lembra a importancia de manterse lonxe da liña de costa e evitar diques, rompientes ou paseos marítimos nos que existe perigo de caída ao mar. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de levar a cabo calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións nos portos.
En caso de dúbidas aconséllase que se consulte o 112 Galicia para atender á información meteorolóxica e as recomendacións principais #ante situacións de risco.