Árbores para dar "máis riqueza e variedade" aos xardíns da Xunta e ás zonas verdes de Tafisa
Por Redacción
A plantación de árbores que comezou pola Illa das Esculturas terá continuidade en outros dos espazos urbanos: os terreos de Tafisa e o parque situado fronte o edificio da Xunta. En total, entre estes tres ámbitos haberá 141 novos árbores de gran tamaño, entre catro e sete metros.
A intervención ten un custe estimado de 17.000 euros e forma parte das melloras ofertadas no contrato coa firma concesionaria Ferrovial. A previsión é que todas as árbores queden plantadas a finais desta mesma semana.
Os traballos deron comezo na Illa das Esculturas, onde xa se remataron de colocar carballos (na zona máis próxima ao río Lérez), tileiros (a xeito de bosquetes) e plátanos, maceiras ornamentais e ameixeiras en aliñación.
Nos xardíns que están diante do edificio administrativo da Xunta en Campolongo están a plantarse uns 50 exemplares formando unha masa perimetral e deixando zonas abertas de pradeira.
As especies que se colocarán neste parque serán castiñeiros de indias, carballos americanos, liquidámbares, freixos, carpes, loureiros e un ginkgo.
Os técnicos, ademais, xa definiron a actuación nos antigos terreos de Tafisa, que se traducirá na creación de bosquetes que mesturarán especies de diferentes formas, alturas, cores e texturas para darlle unha "maior riqueza e variedade" a este espazo, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Nesta zona vanse introducir exemplares de castiñeiros de indias, cedros, piñeiros, arces, liquidámbares, liriodendros, carballos americanos, acacias de Constantinopla, freixos e ameixeiras.
Relacionadas:
-
Parques e Xardíns arranxa o valado do parque infantil de Barcelos
Por Redacción |
-
O Concello adecenta os xardíns da ponte da Barca
Por Redacción |
-
Cinco tileiros e seis carballos para repoboar a Alameda de Sesmero
Por Redacción |
-
Repoboan a senda fluvial do Lérez con 150 árbores de ribeira
Por Redacción |