Carmen Pomar, conselleira de Educación, destaca o valor de Amencer-Aspace na consecución dunha escola inclusiva
O centro pontevedrés da Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns (Amencer-Aspace) recibiu a mañá deste luns a visita da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. A conselleira destacou o valor de asociacions como Amencer-Aspace na consecución dunha escola inclusiva.
Na súa visita ao centro Carmen Pomar estivo acompañada polo presidente da asociación, Carlos Godoy. Durante a visita, o presidente explicou que esta colaboración axuda a unha trintena de centros, facilitando o coñecemento das necesidades xerais e particulares dos estudantes, que precisan apoio educativo específico.
Esta cooperación permite ao persoal de Amencer-Aspace informar sobre metodoloxías e formas de actuar, e formar ao profesorado na educación do alumnado con parálise cerebral. Tamén cabe sinalar que a asociación conta cun Centro de Recursos e Asesoramento pedagóxico, cuxa finalidade é prestar asesoramento e apoio técnico na atención educativa, así como no desenvolvemento de diversas actividades formativas.
Amencer-Aspace ten en marcha diferentes iniciativas como Inclusión á inversa: Entre coles anda o xogo ou Ponte no meu lugar, que tratan de dar a coñecer aos alumnos dos diferentes centros a situación das persoas con trastornos neuromotores.
Desde a Consellería de Educación indican que están a promover a formación permanente do profesorado nas accións relativas á atención de alumnos que sufran estas enfermidades e colabora na sensibilización e difusión de materiais e documentos que permitan uns maior coñecementos das circunstancias específicas asociadas.