A Lama recupera a memoria do río Barbeira a través dos seus maiores
Por Redacción
A asociación cultural Río Barbeira está levando a cabo un proceso de recuperación do patrimonio inmaterial dos lugares e aldeas da contorna do río Barbeira.
A actividade céntrase de xeito especial nos lugares de O Peso, As Chozas e San Lourenzo e promove xuntanzas nas que os veciños do lugar, sobre todo os de avanzada idade, achegan fotografías antigas e datos sobre o pasado dos últimos 50 ou 60 anos na intrahistoria destes lugares.
O método de traballo consiste na recuperación de fotografías antigas dos distintos lugares onde a veciñanza aparece como protagonista da súa intrahistoria e recolle lendas, cantigas referidas ao territorio, vellos oficios, antigos lugares de reunión e de esparcemento, tabernas de pobo, patrimonio arquitectónico popular como muíños, pasos, pontes e camiños reais, festas e tradicións, experiencias de economía sostible ou o aproveitamento sustentable dos recurso. Van ubicando os datos nun mapa a través da aplicación de Google Maps ou similares para a conformación dunha cartografía etnográfica e do patrimonio material e inmaterial dos distintos lugares.
Esta fin de semana celebrouse na Casa do Pobo do Peso a primeira xuntanza, que tivo un compoñente de confraternidade veciñal e contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Deportes do Concello da Lama e presidente da asociación, Daniel Vidal.
O concelleiro destacou a riqueza memorística das persoas que viven na zona, que atesouran vivencias e datos que agora se intentan recoller, sistematizar e conservar para orgullo de todos e, sobre todo, para poder trasladarllos ás novas xeracións para que coñezan como era o xeito de vivir dos seus antepasados e que todo ese acervo cultural non se perda
Estes traballos de recompilación contan co patrocinio da Deputación de Pontevedra dentro do seu programa do ano da música, de apoio ás entidades culturais sen ánimo de lucro, e están coordinados polo Gabinete Buo Arquitectura, do que forman parte Manuel Angel Bugallo e o xeohistoriador Fran García Fernández.
Todo o recompilado, unha vez sistematizado polos especialistas en xeohistoria e arquitectura paisaxística formará parte do patrimonio inmaterial do Concello da Lama e será obxecto dunha posterior exposición.